* Nova desfeita no parque empresarial de Friol

A principios do mes de setembro de 2017, os colectivos Patrimonio dos Ancares e ADEGA presentamos denuncia ante Patrimonio e o SEPRONA pola agresión con maquinaria pesada dunha mámoa da necrópole megalítica denominada Monte da Gándara-Monte das Tenzas, onde está o parque empresarial de Friol, catalogada coa clave GA27020050. 

O día 8 do mesmo mes, nunha nova visita ao sitio, atopámonos con outra desfeita recente. Trátase da mámoa catalogada coa clave GA27020049, situada a carón de onde se prevé construír unha pista. Neste caso non é que o enterramento fose alterado como o anterior, simplemente fixérono desaparecer, xa non queda absolutamente nada, só un cacho de terra perfectamente aplanado. Mesmo cremos que puidera contar con cámara funeraria formada por varios esteos de pedra. Segundo a ficha confeccionada cando a súa catalogación pola Xunta de Galicia, este túmulo tiña unhas medidas de 30 metros de diámetro e 0,40 de altura. Agora monte raso. 

No Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) figura unha modificación puntual para a nova localización do parque empresarial (publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia de Lugo no ano 2004) onde se aprecia claramente nos planos do propio Concello que na zona hai catro túmulos catalogados, entre eles o alterado gravemente e o desaparecido.

Está máis que claro que aquí non cabe alegar descoñecemento, si premeditación, quen ordenou facer desaparecer a mámoa era consciente do que había.  

Lamentablemente, xa nada se pode facer por estes importantísimos bens patrimoniais, pero a Administración debe actuar de forma inmediata e con contundencia, e así llo requirimos, contra o responsable ou os responsables dos atentados e, de ser o caso, de quen os permitiron. Con independencia das responsabilidades penais que puideran derivarse, a Xunta de Galicia, despois de comprobar os danos, debe aplicar o procedemento sancionador previsto na vixente Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, considerando isto como unha falta moi grave que conlevaría unha sanción que vai dende 150.001 a 1.000.000 de euros.

O mércores día 13 enterámonos de que a Consellería de Cultura abrirá dilixencias para esclarecer os feitos que "inclúen valoracións dos informes existentes, facer informes propios e contrastar os feitos". Ademais terase en conta as alegacións dos interesados para, con todos os datos, "valorar as circunstancias que concorran para ben abrir un proceso sancionador ou ben dalo por pechado".