CASTELOS DE GALICIA (PROVINCIA DE OURENSE)


 
CASTELOS E TORRES DA PROVINCIA DE OURENSE
 
ALLARIZ
Castelo de Mouresiños, Malpaso ou San Salvador de Todea (San Salvador): No ano 2016, no marco do proxecto Sancti Salvatoris, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo iniciou os traballos neste castelo roqueiro construído no século XII que estaría en uso ata o século XV, se ben é posible que se erguera sobre outro altomedieval do século IX. Segundo un documento do ano 1197, a fortaleza posuía terras na planicie da Limia. O castelo e a terra de Todea foron gobernados por tenentes ata que todo o territorio de Allariz pasou a mans do infante Felipe. O equipo técnico, formado por Adolfo Fernández, Patricia Vale, Fermín Pérez e Susana Reboreda, despois de elaborar un estudo documental do xacemento e unha vez realizada a primeira limpeza do espazo, comezaron as intervencións, abordando un período pouco coñecido e de índole laica, xa que se trataría dun castelo e unha necrópole asociada. O xacemento divídese en dous sectores, unha zona elevada e de difícil acceso onde se atopa o lugar habitacional e un posible lugar de control de paso dun camiño que comunicaba a Limia co val do Arnoia; outro sector atópase nunha zona máis baixa, xunto unha zona de cemiterio con varias tumbas antropomorfas escavadas na rocha. Os traballos permitiron realizar o estudo do castelo co obxectivo de interpretar as súas estruturas, funcionalidade e cronoloxía de uso. Presenta unha planta ovalada que aproveita os afloramentos rochosos que se complementan con muros de perpiaño, a maioría perdidos, detectándose a presenza de plataformas de madeira sobre as penas graníticas. Localizáronse dúas portas de acceso. Recuperáronse centos de fragmentos cerámicos de distintos séculos, tamén cravos, fouces, material lítico (lascas de cuarzo e núcleos de coios), ósos de animais e dúas moedas de bronce e prata de procedencia portuguesa, unha do século XIII. Na parte máis elevada, onde estaría a torre da homenaxe, hai un xogo de alquerque gravado na pedra, e nunha plataforma granítica máis baixa vense dous sartegos antropoides escavados na rocha viva cunha orientación leste-oeste; tamén se observan outros rebaixes e coviñas que se poderían corresponder con algún tipo de estrutura anterior aos enterramentos. Trabállase coa hipótese de que eiquí puideran estar as orixes da vila de AllarizNo PXOM, este xacemento está catalogado, erradamente, coma un castro con ocupación romana e logo designado como xacemento funerario de época medieval. 
Castelo da vila (Allariz): Século XI. Á beira do río Arnoia. Consérvanse restos da muralla da vila na parte coñecida como o Socastelo. Pertenceu ao conde de Benavente. Destruído polos Irmandiños. Erixido sobre un primitivo asentamento castrexo.
Monte Castrelo ou Cima de Vila (San Mamede de Urrós): Nun outeiro con afloramentos graníticos, a 656 metros de altitude, lindeiro coa parroquia de San Vitoiro da Mezquita, no concello da Merca. Datado no século X-XII. Citado como Verves e Veives en documentos dos anos 989 e 1052. Quizais tivera unha ocupación anterior xa que apareceron anacos cerámicos da Idade do Bronce (Rodríguez Cao, 1995). Na vertente do concello da Merca obsérvanse tres liñas de murallas. Atopáronse restos cerámicos. Alterado pola extracción de pedra.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Santa Eulalia de Urrós e Seoane.




 

 


AMOEIRO
Castelo de Formigueiro ou Coto do Castelo (Trasalba): Tamén coñecido como Alba de Búbal, de onde derivaría o topónimo Trasalba. Construído sobre un primitivo asentamento castrexo, só se conservan algúns restos esparexidos pola contorna. O primeiro documento data do ano 1061. Durante os séculos XII e XIII foi de realengo. Derrubado polos Irmandiños e logo reconstruído. Cóntase que os veciños dos Chaos salvaron o gando da requisa polas tropas napoleónicas no 1809 agochándoo nos subterráneos abovedados do castelo. Nunha rocha aparece unha gravura medieval dunha espada e unha cruz.
A Torre de Rouzós: Topónimo. Lugar da parroquia de Rouzós.
 
 

BALTAR 
O Castelo (San Paio-Abades): Aínda que a simple vista non se observan restos, a tradición sitúa aquí unha fortaleza medieval. Trátase dun outeiro rochoso cunha zona central superior achairada e arrodeada por terrapléns naturais. Tamén se distingue unha terraza circundada por terrapléns que puideran pertencer a un segundo recinto. 
 

BANDE
Ruínas do castelo (Bande). (?)

BAÑOS DE MOLGAS 
Outeiro da Torre (Suatorre-Ambía): Había unha edificación defensiva que foi destruída hai máis de cen anos para reaproveitar as súas pedras noutras construcións modernas. Heliodoro Gallego Armesto, en Vida Gallega do 20 de setembro de 1930, di que existían os restos dunha torre cuxa orixe se descoñecía.
Fortificación de Guamil (Ambía): Medieval. Sobre un outeiro granítico. Agás as defensas naturais, só se aprecia un foxo artificial.
A Torre (Vilariño-Lama Má): Torre medieval de control, hoxe desaparecida, que asentaba sobre un pequeno outeiro a 650 metros de altitude.
 


BARBADÁS
Castelo de Louredo ou Pena Goia: Entre os concellos de Barbadás e Toén. Citado como Lauretum nos anos 934 e 952. Situado sobre un pico chamado Pena Goia, non moi lonxe do castro romanizado de Louredo, na parroquia de Mugares. No século XII era de realengo e no 1133 Afonso VII entrégallo ao bispado de Ourense con todo o que alí lle pertencía (Recuero Astray et al., 1998). Pero xa con anterioridade, a parte oriental fora segregada e entregada a sé de Ourense por Afonso III cara o ano 900 (Pérez Rodríguez, 2015). No ano 1245 era "tenente castellum Velasco Fernandi de Moraiis". En 1258 era tenente da terra de Louredo Gonzalo Rodríguez. Da asociación Amigos do Patrimonio de Toén recollo que apareceron restos cerámicos prerromanos e romanos.
 
O BARCO DE VALDEORRAS
Castelo do Castro: Sábese que o castelo, construído sobre un antigo asentamento castrexo, xa existía no século XII. Vixiaba o camiño de entrada a Galicia. Pertenceu aos condes de Lemos e aos de Vilafranca do Bierzo. No século XV pasou aos condes de Ribadavia, os Sarmiento. Sufriu varias desfeitas durante a Revolución Irmandiña. Ao finalizar a guerra, Juan Pimentel construíu a muralla que rodeaba a vila do Castro, en cuxa porta norte había un escudo que representaba as armas dos Castro e Sarmiento (na actualidade atópase nunha casa contigua á torre). Durante as obras de restauración da arruinada torre a mediados do ano 2012 saíu á luz un alxibe que estaba cuberto de terra, construído no século XIV e ao que se accedía só por unha trapela da cuberta abovedada; máis adiante, no século XVIII e co obxectivo de utilizalo como cárcere, abriuse unha porta. Tamén afloraron restos do primitivo castro prerromano, restos de vivendas de época romana e lenzos de muros con esquinas angulares e pavimentos de oppus signinum. 
Castro do Xardoal (Forcadela): Sobre o primitivo castro poden verse varias pedras calcarias unidas con morteiro o que fai pensar na posible existencia dun castelo medieval. 
Pena do Castelo (Reporicelo-Xagoaza): Nun outeiro rochoso a 950 metros de altitude, sobre o regueiro de Punxeiros. 


OS BLANCOS 
Castelo da Raíña Loba ou Castelo Novo: Na parroquia de Covas, no coñecido como Penedo da Raíña Loba, a uns 1.150 metros de altitude sobre o nivel do mar. Restos dun castelo roqueiro situado nun monte granítico datado entre os séculos XIII ou XIV. No nacente situábase a torre da homenaxe. Nunha rocha hai gravado un taboleiro de xogos de "Alquerque de nove". Apareceron algúns muíños circulares de man e restos cerámicos. Pode verse un pozo escavado na rocha que, segundo nos contou un veciño, acolle uns 5.000 litros de auga. Dise que as pedras da fortaleza foron reaproveitadas na construción das casas da aldea. Asociado a unha lenda coñecida como a da Raíña Loba: Dise que era unha muller fermosa pero moi cruel que obrigaba aos súbditos, día si e día tamén, a entregarlle unha vaca, un porco e un carro cheo doutros alimentos; se non cumprían a orde ordeaba que arrasaran as aldeas e asasinara ás persoas que non puideran cumprir co establecido. Un día tocoulle abonar o tributo á aldea de Figueirós que despois de celebar asemblea, os veciños acordaron non pagar, así que armados como mellor puideron dirixíronse unha noite cara o castelo da Raíña Loba, mellor morrer pelexando que continuar oprimidos. A Loba e os defensores do castelo durmían confiados, as xentes de Figueirós subiron polas murallas e sorprenderon aos seus moradores, pero a Raíña Loba conseguira agocharse nun dos torreóns máis altos da fortaleza, pero a porta non aguantou as embestidas dos asaltantes; acurralada, antes de caer en mans dos que tiña por escravos, tirouse por unha ventá (outra versión que nos contou un veciño di que foi unha criada quen a arroxou ao vacío). Quedou o dito: "Matástela Raíña Loba fidalgos de Figueirós, matástela Raíña Loba fidalgos quedastes vós" (hai outras variantes).
O Castelo Vello: Tamén na parroquia de Covas, non moi lonxe do anterior. Trátase dun outeiro rochoso que se eleva a uns 1.000 metros de altitude, protexido dos ventos do sur por grandes penedos. Vense os alicerces dun muro formado por grandes sillares de granito asentados sobre a rocha e rebaixes para asentar os sillares e as vigas de madeira. Estaría en relación co castelo da Raíña Loba. Contáronnos que alí "viviu xente" e que se podían ver restos de muros e moxóns. 
Castelo do Outeiro da Fraga (Covas): Situado no derradeiro outeiro rochoso ao sur do Castelo da Raíña Loba. Vense os alicerces dunha torre medieval de planta rectangular que formaría parte do complexo da Raíña Loba. 
O Castelo/O Castrillón (Ouvigo): Entre os concellos de Os Blancos e Xinzo de Limia. Outeiro rochoso. Consérvase o topónimo.
Outeiro do Castelo: Promontorio rochoso entre as parroquias de Os Blancos e Cima de Ribeira (Xinzo de Limia).
O Cemiterio (Covas): Xacemento emprazado no cumio dun grande outeiro rochoso situado ao sur do Castelo da Raíña Loba, coñecido tradicionalmente polos veciños como O Cemiterio pola aparición de gran cantidade de ósos. Poden verse os alicerces dunha construción de planta cuadrangular levantada con muros de mampostería de granito que puideran corresponder aos restos dunha torre medieval relacionada co castelo da Raíña Loba. Localizáronse anacos de filiación medieval e ósos de animais.
 



 

 
 
BOBORÁS 
Castelo do Castro Cavadoso (Paradela-Moldes): Pertenceu aos condes de Ribadavia. Foi destruído polos Irmandiños. Aínda se poden ver as ruínas das murallas e doutras edificacións.
Castelo de Orcellón: Ata o momento pouco sabiamos sobre a fundación deste castelo nin a súa ubicación exacta. Se algúns autores o situaban en terras do Carballiño ou en Xuvencos (Boborás) é por unha ambigua mención da Historia Compostelana. Ao parecer pertenceu a Dona Urraca, onde no ano 1121 retivo nel ao arcebispo Xelmírez. No 1467 foi derrubado polos Irmandiños. X. L. Sobrado sitúa unha torre medieval en O Penedo (Xuvencos) que foi destruída polos Irmandiños; no lugar recolleu materiais cerámicos e escouras de mineral. Pero ese descoñecemento semella que chegou ao seu fin. Hai algún tempo, a arqueóloga Nieves Amado Rolán loucalizou na Ponte das Poldras, en Brués (Boborás), sillares, pedras decoradas, marcas de canteiro e inscricións procedentes do castelo do Orcellón, e tamén a ubicación deste. A mediados do mes de abril de 2016, guiada por Rafa Otero Janeiro, emparentado coa familia Arias Teixeiro, propietaria do pazo de Teixeira e gran coñecedor do patrimonio da zona, descubriron, reaproveitados no edificio, distintas marcas e o antigo escudo condal de Monterrei ao que pertenceu o Orcellón dende, ao menos, o século XV. Os Reis Católicos déronlle permiso a Sancho de Ulloa para edificar ou reedificar eiquí. Aclara Nieves que antes tivo que haber algo, tal como semella evidenciar a presenza dunha cruz románica. O castelo ubícase nun outeiro ao que o río Viñao lle facía de foxo. Na metade sur hai un castro (o de Teixeira), e na metade norte o castelo, ambos con profundos foxos. Aos pés do catro está o manancial termal de Brués, daí que na documentación apareza como castelo de Caldelas do Orcellón ou Castro Caldelas de Orcellón. As dúas inscricións reaproveitadas na ponte parece ser que pertenceron a unha capela que posteriormente se construíu sobre os restos da fortaleza. Nieves e outras persoas xa comezaron a buscar máis documentación sobre o sitio.   
Torre do Pico da Moura (Xendive): Servía para custodiar o camiño real entre Xurenzás e Fenteira. Aprécianse restos dos muros circulares de xisto e foso defensivo. Sufriu escavacións furtivas no centro da torre o que provocou un apreciable rebaixe. 
Torre de Meixe ou Méixome (Meixe-Xendive): A 589 metros de altitude. Na documentación medieval figura como Torres de Meixome. Desaparecida. 
A Torre (O Penedo-Xuvencos): Medieval. Desaparecida. Identificada por X. L. Sobrado coa Torre de Xuvencos, rexistrada documentalmente como unha das torres destruídas polos Irmandiños. Na súa investigación recolleu materiais cerámicos e escouras de mineral. 
 


A BOLA
Castellum Berreti (San Miguel de Berredo): Construído sobre un castro (castro de Berredo). Situado no cume dun pico rochoso, a 752 metros de altitude sobre o regueiro da Porta. Defendido de forma natural polas acusadas pendentes. Na cima vese un recinto de planta tirando a ovalada de 105 por 72 metros. A torre parece que estaba na parte oeste do recinto onde se distingue unha pequena elevación. Poden observarse restos de cachotaría de granito espallados polo lugar que ben puideron pertencer a unha muralla e rebaixes artificiais na rocha. Mandado construír polo rei portugués Afonso Henriques o cal lle entregou a súa tenza ao conde Velasco (probablemente o conde Vasco Sánchez de Barbosa), que este delegou no seu meriño Afonso Bos. Os primeiros documentos datan do ano 999 que o citan como Castellum Berreti (tamén hai citas no 1001, 1037, 1041, 1044, 1045, 1056 e 1063), nunha doazón no que o monxe Gaudinus Albarín doa ao mosteiro de Celanova as súas propiedades. Volve haber noticias no 1001 en que Maltrona vende ao monxe Munio varias terras en Seixomil, coa indicación de que se atopan "Subtus castro Berreto discurrente rivulo Mauregati". Tamén se cita como Birreto, Bisrredo e Bisreto. As noticias sobre esta fortificación perduran ata o século XV. Intesante o traballo de Carlos Andrés González Paz en Rudesindus (2007): Catro exemplos de fortificacións altomedievais galegas do século X: Castellum de Aranga, Castellum Minei, Castellum Berreti e Castellum de Citofacta.
 

O BOLO
Castelo do Bolo (O Bolo): Séculos XII-XV. Construído por mandato de Dona Urraca, pasou logo aos condes de Lemos. Destruído polos Irmandiños, volveu a reconstruírse a finais do século XVI por iniciativa do conde de Benavente. Ao longo do tempo foi utilizado como canteira, escola, cadea e campo da festa. Restaurado dende o ano 2001, acolle o Centro de Interpretación do castelo. Pertence ao Concello do Bolo. Tiña planta rectangular con sete cubos e a Torre da Homenaxe. A torre, que non conserva as ameas, foi reedificada por Xoán Pimentel no s. XIV; ten planta cadrada con tres andares e soto. Tamén se consevan parte da muralla e un alxibe.
O Castelo ou Fraga da Moura (Vilaseco): A 900 metros de altitude. Nun outeiro rochoso, posible castro reocupado en época medieval.
 


CALVOS DE RANDÍN
Castelo da Picoña/Piconha: O impresionante castelo roqueiro da Piconha/Picoña ou da Almena está situado a 932 metros de altitude, sobre o rego da Gralleira ou Casares, dominando o curso alto do río Salas por onde discorre o Camiño Privilexiado que une Randín (Galicia) con Tourem (Portugal). Foi construído para o control e defensa da fronteira co Reino de Galicia. Segundo Soares de Azevedo mandouno edificar Alfonso III (852-910). No 1187, Sancho I de Portugal (1154-1211) outórgalle Carta Foral a San Paio da Piconha. No 1221 foi arrasado polas tropas do rei galego Alfonso IX. No ano 1388, Joao I de Portugal (1357-1433) reconstrúeo, sendo reparado no século XV por Manuel I (1469-1521). No 1538 só habitaba nel o alcaide, cedéndose no 1542 ao duque de Bragança. A fin da praza dátase no 1650, no contexto da Guerra da Restauración Portuguesa (1640-1668) en que foi derruído polas tropas castelás. No ano 1788, o oidor da Comarca, Miguel Pereira Barros, visitou o emprazamento, escribindo "... nao achei nem castelo, nem mais vestigios do que un poço com degraus (escalóns), e menos achei casas algumas". As Terras da Piconha, xunto coas do Couto Mixto/Misto, deixarían de pertencer definitivamente a Portugal o 29 de setembro de 1864, tras a sinatura do Tratado de Lisboa que definiu a fronteira actual. Presenta un perímetro de 128 metros, daptándose á abrupta orografía do terreo. Ao castelo accedíase por un camiño escavado en parte na rocha viva. As marcas na rocha permiten descifrar a configuración do castelo: porta, murallas a diferentes alturas, patio de armas, escaleiras escavadas na rocha e, situada no centro, a torre da homenaxe de planta pentagonal (escribiu Duarte de Armas: "Esta torre da menagem é fondada sobre penedos e tem dois vaos, e é coberta de palha..."). Xunto esta escavouse un alxibe na rocha con capacidade para máis de 5.000 litros cuxas paredes foron recebadas con morteiro para conservar limpas as augas. No ano 2020 apareceron varios obxectos, entre outros unhas puntas de bésta de ferro dunha arma evolución do arco moi estendida no século XVI, con sona de mortífera, capaz de atravesar as armaduras dos soldados. Vense abundantes anacos de tella. Nas penas vense pías naturais e artificiais, coviñas, xogos de alquerque, unha cruz con tres traveseiros (tamén aparece nalgúns marcos do Couto Mixto) e xunto dela un símbolo de difícil interpretación no que algúns cren que podería corresponder a algún dos alcaides, unha estrela pentagonal e sobre ela unha epígrafe da que só se le con máis ou menos claridade a palabra "castro" e outras gravuras de distinta natureza.
Castelo de Randín: Non moi lonxe atópase a aldea de Randín que estaba defendida por unha torre cuxa pegada aínda se conserva na toponimia. No Livro das fortalezas (1509-1510) de Duarte de Armas vense dous debuxos das fortalezas da Piconha e de Randín, nun deles esta última aparece cunha gran fenda.





 
CARBALLEDA DE VALDEORRAS
O Castelo (Pumares): No monte Castelo. Outeiro situado a 522 metros de altitude, entre os regueiros do Caborco da Horta e de Pumares. Posible fortaleza medieval construída sobre un antigo castro de forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 155 por 60 metros.
 
O CARBALLIÑO
Castelo de Orcellón: Ata o momento pouco sabiamos sobre a fundación deste castelo nin a súa ubicación exacta. Se algúns autores o situaban en terras do Carballiño ou en Xuvencos (Boborás) é por unha ambigua mención da Historia Compostelana. Ao parecer pertenceu a Dona Urraca que no ano 1121 retivo nel ao arcebispo Xelmírez. No 1467 foi derrubado polos Irmandiños. X. L. Sobrado sitúa unha torre medieval en O Penedo (Xuvencos) que foi destruída polos Irmandiños; no lugar recolleu materiais cerámicos e escouras de mineral. Pero ese descoñecemento semella que chegou ao seu fin.  (Ver Boborás).  
Coto da Torre (Trigás Sagra): A arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame a ficha desta torre que fixo para o inventario da Xunta de Galicia no ano 2004. Situado a 369 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dun impresionante outeiro granítico de forma cónica, pola súa relativa altura sobre a contorna, con grandes escarpes cara o regato Varón e con ampla visibilidade sobre unha zona do Ribeiro. O cume ten pouca superficie, mais cara o norte ten unha terraza chaira onde se documentou unha estrutura rectangular que pode tratarse dunha torre. O emprazamento non pode ser máis axeitado para este punto de control e vixiancia sobre o territorio circundante; cara o norte pecha os destros da casa reitoral onde se documentou un xacemento romano. Polos demais puntos resulta inexpugnable debido á altura e aos escarpes con afloramentos. Un veciño informou a Nieves de que se atopara tégula romana no cumio do outeiro. A estrutura rectangular documentada está orientada NO-SL, cunhas dimensións de 12x6 metros, con muros cunha anchura de 75 centímetros de media. Aínda que pode tratarse dunha torre medieval é probable que o sitio fora utilizado en época romana. 
A Torre/O Castillo (Godás do Río-Longoseiros): A arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame a ficha desta torre que fixo para o inventario da Xunta de Galicia no ano 2004. A 349 metros de altitude sobre o nivel do mar, no único outeiro rochoso que hai no pobo, visible dende a estrada xeral. Trátase dun conxunto de infraestruturas medievais, estratexicamente situadas en relación co paso do río Arenteiro neste punto. A torre ubícase nun outeiro granítico que domina visualmente e por cercanía o val e o río. No extremo NL do outeiro consérvase parte dunha torre realizada en sillares de granito e que sería de planta rectangular, apoiándose nos penedos. No sector norte o muro conserva 1,60 metros de altura e 7,50 metros de longo. É probable que no resto do outeiro haxa outras estruturas medievais relacionadas coa torre. Vense sillares soltos espallados polo lugar e os muros que o circundan. Cara o SO da torre está o paso sobre un regato que desemboca no río Arenteiro, poucos metros máis abaixo. Trátase dun pontillón realizado con grandes pedras de granito, sen peitorís e sen arcos, tipo poldra. Este é o paso do regato para o camiño denominado de A Brea, de segura orixe medieval, que vén da Ponterriza e diríxese cara Longoseiros. Uns metros despois de cruzar o regato o camiño bifúrcase en dous: un polo val cara Longoseiros, e outro que ascende pola ladeira do outeiro cara a torre e o pobo de Godás do Río. Este último camiño está tallado na rocha, cunha anchra de 1,50 metros e con rodeiras moi profundas. Lugar asociado a unha lenda de mouros. Tamén din os veciños que existe un pozo que a través dun túnel comuncia este lugar co castelo do Castro Cavadoso, en Paradela de Moldes (Boborás). No mes de novembro de 2016, Patrimonio autorizou as escavacións para deixala ao descuberto e consolidala. 
A Torre (Pol-A Piteira): A arqueóloga Nieves Amado Rolán achégame a ficha desta torre que fixo para o inventario da Xunta de Galicia no ano 2004. Posible torre medieval situada nun outeiro que se eleva a 416 metros de altitude sobre o nivel do mar e dende o que se domina visualmente o val do río Arenteiro e un paso sobre o mesmo. Debido á mesta matogueira que cubría as estruturas e aos traballos agrícolas, abandonados na actualidade e que seguramente destruíron os muros, non foi posible atopar restos visibles. Na fotografía aérea do ano 1956 apréciase o coto como un lugar transformado, con posible foxo arredor do cumio e cos camiños e pontillón para cruzar o río. Tense coñecemento de varias torres situadas no concello do Carballiño en patróns de asentamento semellantes a este: un lugar de tránsito obrigado e de paso do río, no que aínda se conservan os trazados dos camiños medievais. É o único coto que domina visualmente a chaira, a súa situación é moi parecida á da Torre de Godás do Río.    
Torre de Cabanelas: Desmontada arredor do ano 2010 pra vender a pedra. (Información achegada por Nieves Amado Rolán). 
 
 
 
 

CARTELLE
Castro/Castelo da Rodeliña (Doniz-Espiñoso): Fortaleza edificada sobre sobre un primitivo castro de 60 por 65 metros. Citado como Vimeira no ano 1025 e como Peraria no 1027. 
Fotaleza de Sande: Século XII-XIV. Construída sobre un espectacular outeiro granítico sobre o río Arnoia, no lugar onde posiblemente houbo un primitivo asentamento castrexo, para a vixiancia e defensa das terras da súa xurisdición. Consérvase a torre de 13 m de altura, ten planta rectangular e tres andares. Na parte superior, de onde desapareceron as ameas, sobresaen un grupo de ménsulas. Ao interior accédese por medio dunha porta con arco semicircular coa pedra armeira dos Sande. Nos muros poden verse os signos pétreos dos canteiros. No ano 1141, o rei Afonso VII dooulla ao mosteiro do Salvador de Celanova logo de que o señor da torre, Nuno Sande, matara ao seu abade. Xogou un importante papel no ano 1165, cando as loitas entre Fernando II e o rei portugués Afonso Enriques. Declarada monumento de interese nacional no ano 1949. 

 

CASTRELO DE MIÑO 
O Castrelo (Padreiro-Castrelo): Sobre o primitivo castro ergueuse unha torre na Alta Idade Media da que non se conservan restos. No mesmo lugar construíuse a actual igrexa de Santa María de orixe románica. 
 

CASTRELO DO VAL 
Castro/castelo de Cabanca: A 450 metros de altitude. Escavado parcialmente no 1961 por Xoaquín Lorenzo e Taboada Chivite. Apareceron as esculturas dunhas cabezas de porco e carneiro e muíños circulares de man. Castro moi romanizado (restos de casas cadradas con tégulas, cerámica común, fustes graníticos, unha ara con epígrafe, etc.). Sobre el erixiuse unha ermida posta baixo o padroado de San Martiño. Hai evidencias de ocupación nos séculos VI-VII, quizais con función militar ou posto de vixiancia. Foi dividido en dous cando a construción da estrada a Laza.
 
CASTRO CALDELAS
Castelo de Castro Caldelas: Séculos XII-XV. A principios do século XIV, Afonso XI cedeulle o castelo aos condes de Lemos. Os Irmandiños, que o destruíron no ano 1467, foron obrigados por Pedro Álvarez Osorio a reconstruílo despois da derrota. Por orde do xeneral Loison foi incendiado no ano 1809 como represalia pola morte duns soldados napoleónicos, feito que provocou a perda de inestimables documentos referidos ao castelo e á propia vila. De altas murallas, ten uns torreóns ameados situados nos vértices. Sobre as súas portas aparecen as pedras armeiras dos Lemos. No patio de armas consérvanse un alxibe e un forno. Acolle o Museo Etnográfico.
Outeiro dos Mouros (Poboeiros): Trátase dun outeiro rochoso, a unha altitude de 782 metros, situado a unha distancia duns 350 metros da parroquia de Boazo (A Teixeira), entre dous dursos de auga, un o regato do Porto do Batán. No cume presenta unha zona achairada duns 50 por 40 metros, en cuxo centro se levanta un afloramento rochoso que puido acoller unha torre.
 

 
CELANOVA
Castelo de Pelosino ou Pilosino: Citado en documentos dos anos 956, 960, 961, 997, 1011 e 1076. Parece que se atoparía no monte da Rodela, sobre os lugares de Rabal, San Paio e Faramontaos, entre as parroquais de Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca).
Castro Malo (Castromao): Castelo citado en 935, 986, 950 e 1039.
Torre da Homenaxe (Vilanova dos Infantes): Séculos XII-XIV. Do castelo erixido por Guterre Menéndez e Santa Ilduara, pais de San Rosendo, só se conserva a Torre da Homenaxe, construída en cadeirado de granito, de planta cadrada e 19 m de altura. Os primeiros propietarios foron os monxes de Celanova. Logo pasou a Fernando de Castro que o tivo baixo o seu señorío ata o ano 1369 en que o rei o obriga a cedérllelo a Xoán Rodríguez de Biedma e aos seus herdeiros os condes de Monterrei. Derrubado polos Irmandiños, foi reconstruído a mediados do s. XVI. A Fundación Terra de Celanova mantén aquí unha exposición permanente sobre o xacemento arqueolóxico de Castromao e a Idade Media.
Fortaleza de Milmanda (Alcázar de Milmanda): Situada nun outeiro sobre o río Tuño, ao parecer foi construída sobre un asentamento de época romana. Nace como vila real nun foro que lle outorga Alfonso IX no 1199, concedéndolle mercado e feira. No século X pertencía ao mosteiro de Celanova, e no XII foi reconstruída e cedida en señorío a Sancho Eanes. Foi ocupada por Fernando I de Portugal. No século XV foi destruída polos Irmandiños quen logo foron obrigados a erguela de novo. No 1527 convértese en señorío do marqués de Viana, pasando logo ao de Malpica. No século XVIII, xa en plena decadencia, construíuse no lugar a igrexa de Santa María de Milmanda, utilizando de campanario unha das torres do castelo. Nunha casa en ruínas próxima vense restos reutilizados da antiga fortaleza. No 1926, Ángel del Castillo escribe que se levantaba nun outeiro e que nas inmediacións aínda se conservaba un peto de pedra e unha fonte co escudo de armas.
   


 

CENLLE
Castelo da Pena ou Coto dos Mouros (A Pena-Cenlle): Medieval. Levantado sobre un primitivo castro, desapareceu no século XVIII. Pertenceu aos condes de Ribadavia. Aínda se poden ver os rebaixes na rocha para asentar as vigas e un alxibe escavado na pena. Apareceron fragmentos cerámicos castrexos e medievais. 
Castelo Alto (O Pereiro-Cenlle): Medieval. Trátase dun promontorio rochoso aproveitado mediante socalcos con protección natural polos lados sur e leste. Restos de muros. Cerámica en superficie. 
Castelo do Campo (O Campo-Esposende): Medieval. Nun promontorio granítico de escasa elevación pero estratexicamente situado e protexido de forma natural. Restos de muros asentados mediante rebaixes sobre as rochas. Fragmentos cerámicos. 
Castelo de Roucos (Roucos-Pena): Medieval. Situado nun afloramento granítico con muros de cachote de grande espesor. Desapareceu no século XVIII. Atopouse un escudo coas armas dos Samiento, hoxe en día en paradoiro descoñecido. Foi lugar de extracción de pedra que alterou de forma irreversible o xacemento. 
A Torre: Topónimo. Lugar das parroquias de Cenlle e Esposende. 
 
 

 
CHANDREXA DE QUEIXA
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Chandrexa.
 
COLES
Fortaleza de Elbora: Xunto Seoane, en San Xoán de Coles. Citada no ano 986.
Torre de Albán (Coles): Documentada no ano 1001 como de Dorme e Lappa Avar. Reconstruída no século XV. 
Torre de Pedra (Gustei).
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Albán.
 
CORTEGADA
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Zaparín.

CUALEDRO 
A Reboleira (As Estibadas-Atás): Asentamento medieval emprazado no cume dun outeiro rochoso. Poden verse varios rebaixes na rocha granítica destinados para o encaixe dos lenzos dos muros e vigas, posiblemente de madeira. Polo lugar hai numerosos anacos de tella de cubrición. Trataríase dunha torre de vixiancia relacionada co castelo de Trasmiras. 
Castelo do Alto do Seixo ou Pena Rachada (Baldriz): Segundo a tradición había un castelo que vixiaba Portugal e que se comunicaba co da Pena (Xinzo de Limia) e O Castro (Sandiás). No lugar hai un vértice xeodésico pero non se aprecián restos ao seren removido o terreo polas máquinas. (Información achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán). 
Torre de Lucenza (Lucenza): Pertenceu aos condes de Monterrei. No ano 1710, durante os conflitos con Portugal, transformouse en forte. Na actualidade non se conservan restos. Hai un deseño na biblioteca de Lisboa. 
Pedra Mouriña (Lucenza): Trátase dun asentamento medieval fortificado no que se aprecia unha muralla cun foxo, así como lenzos dos muros pertencentes a posibles edificacións. As rochas conservan as marcas de apoio. 
 
 


ENTRIMO 
O Castelo ou O Castillo (Ferreiros de Arriba-Entrimo): Parece que o lugar acolleu unha torre que segundo a tradición controlaba a fronteira neste sitio. Apréciase unha planta octogonal conformada por un montón de pedras. Domínase o val do río Agro. 
Pía da Moura (Galez): Promontorio rochoso que acolleu algún tipo de edificación defensiva erixida sobre un primitivo asentamento castrexo. Ademais dos rebaixes nas rochas, pódense ver escaleiras feitas de pedra e escavadas na propia rocha. 
O Castelo (Guxinde-Pereira): Situado nas inmediacións das Penas de Ananán. Obsérvanse varios rebaixes nas rochas. Acolleu unha torre defensiva.
Castelo da Pica (A Illa): Ou O Penedo que Toca. Consérvase este topónimo que dá nome a unha impresionante paraxe rochosa que puido acoller algún tipo de asentamento. Eiquí atópase un monumento natural coñecido como As Pedras da Pica da Illa ou Pedras Cabaleiras que toma o nome polas pedras superpostas que o forman. No mes de outubro de 2021, a Asociación de Veciños da Illa denunciou unhas pinturas realizadas nas Pedras Cabaleiras ou Pedras Cabalares.
 


ESGOS
Castelo de Litoria (Arcos-San Pedro de Rocas): Non se conservan restos. No centro hai unha pena plana coñecida como A Mesa da Moura. Ángel del Castillo achega un artigo sobre esta fortaleza no Boletín da Real Academia Galega nº 228, El castillo de Litoria (1930). Un privilexio de Ordoño II do ano 921 di que o mosteiro de Ribas de Sil, que restaura, sitúase "subtus castello Litoria", e ao demarcar o couto sinala dende "per illa vereda maiore que discurrit de Astorica ad castrum Litorie", que sería unha importante vía romana. Outra referencia proporciónaa Andrade Cernadas nun documento que di posterior ao ano 916 e que Sáez e Sáez da como probable do 923, cando Recesindo doa a Gutierre e Ilduara a súa ración nun busto situado en "in monte Baron inter Bubale et Caldelas, super Castro Litorie, in loco predicto Filgarias". Segundo Del Castillo, contáronlle que nunha das penas había gravada a inscrición Leovigildus Rex, se ben comprobou que só se lía a palabra LEOVIGILDVX precedida dunha cruz; pero esta inscrición non se atopa no castelo de Litoria, senón nos Penedos do Castro, en Pombar, onde se le: LEOVIGILDVS DUX, precedida dunha cruz, polo que se deduce que é probable que Ángel del Castillo só vira a foto que lle encargara a un amigo e que este confundiu os sitios arqueolóxicos. 


LAZA 
O Castelo (Matamá): Segundo información facilitada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán, en Laza existen varias referencias e topónimos, pero ningún resto claro. O Alto do Seixo é o pico máis alto da Serra de Meda, onde se xuntan os tres concellos de Laza, Cualedro e Monterrei. A tradición oral di que neste monte do Castelo houbo unha torre de vixiancia que dependía da fortaleza de Monterrei.
Nieves tamén me achega que xunto o pobo de Retorta consévase o topónimo Os Castelos, con lendas de mouros.       

LEIRO
Castelo de Pena Corneira (Lamas): O pouco que se sabe sobre o castelo é pola Historia Compostelana. Sábese que no século XII pertencía a Arias Pérez, fillo de Pedro Arias de Deza, casado con Ilduara, filla do conde de Traba. Cando a coronación de Afonso VII, non o recoñeceu polo que tivo que ser sometido polo arcebispo Xelmírez. O famoso prelado compostelán estivo preso na fortaleza denantes seren trasladado ao castelo de Lobeira, en Vilagarcía de Arousa. O castelo estaba asentado nunha estreita plataforma que coroa un destacado outeiro que ofrece unha ampla visibilidade. Na parte superior foron localizados restos cerámicos medievais e fragmentos de tellas. No oeste existen grandes batolitos graníticos que estarína integrados no perímetro defensivo da fortaleza.
 


LOBEIRA 
Castelo Sancte Crucis (Santa Cruz de Grou): No libro manuscrito Celanova ilustrada, do século XVII, de Fr. Benito de la Cueva, lemos: "Na rebelión dos nobres de Galicia contra o rei Ramiro II no 979, á que seguiu a proclamación e consagración de Vermudo II na catedral de Santiago ao ano seguinte, orixináronse grandes revoltas no país. Algúns daqueles señores fixéronse fortes nos castelos de Sande, Castro Leboreiro e Santa Cruz, pertencente este último ao couto de Grou, do mosteiro de Celanova, e dende alí roubaban as propiedades dos conventos e cometían toda clase de atrocidades". No 1326, Afonso XI confirma ao mosteiro de Celanova o privilexio de restitución do castelo de Santa Cruz e do monte Leboreiro, a posesión de certos coutos antigos, así como a doazón do couto de Ramirás, todo elo outorgado por Afonso VII o 20 de novembro de 1145, inserido nunha confirmación de Fernando IV. O licenciado Molina di que foi derrubado polos Irmandiños.
 

LOBIOS
O Castelo da Vila ou de Araúxo (A Vila-Araúxo): Edificado no século XII, pasou aos condes de Monterrei no século XV, quizais sobre outro anterior do século X. Aínda que non existen documentos que o confimen, semella que foi destruído durante a Revolta Irmandiña. Tivo un importante protagonismo cando a guerra pola independencia de Portugal. No mes de abril do ano 1830 apareceu unha moeda de ouro que o coengo Juan Manuel Bedoya comunicou á Real Academia da Historia no seguinte mes de xullo "donde... estubo el castillo de Araujo de que se habla en privilegios de Alfonso IX y ya no se conoce". No ano 1991 realizáronse algunhas sondaxes arqueolóxicas aparecendo unha praca de bronce, dardos de ferro, puntas de frecha, unha doa de acibeche, etc. Tratábase dun castelo roqueiro erixido nunha zona con boas defensas naturais, reforzadas con murallas, torreóns e foxo escavado na rocha; tamén abundan os rebaixes nas pedras. En ruínas.
A Fraga Raxada (A Cela): Medieval. Torre emprazada no cume dun montículo roqueiro. Apenas se conservan restos. Pódense ver unha serie de derrubes pétreos que popularmente se consideran pertencentes a un mosteiro. 
O Castillo (Compostela-Manín): Sobre un pequeno outeiro situado entre dous regatos. Ao parecer, tratábase dunha torre medieval da que só se conserva a cimentación xa que as pedras foron reaproveitadas noutras construcións modernas. 
Castelo de Donas ou Ventosiño (Manín): Medieval. Torre de vixiancia construída sobre un altorelo rochoso. Polo lugar aínda se atopan pedras provenientes da construción e os rebaixes na rocha para encaixar as vigas. 
Castelo de Ganceiros (Ganceiros-Torno): Castelo roqueiro cuxa orixe crese no século XII. Non se conservan restos.
Castelo da Raxeira (Bouzas-San Paio): Medieval. Castelo roqueiro. Os únicos restos que se aprecian son algúns rebaixes nas rochas. 
 

 


MACEDA
Castelo de Maceda (Maceda): A orixe remóntase ao século XI. A fortaleza, xunto cos seus dominios, foi doada como dote de María Fernández, filla do conde de Traba, co gallo dos seus esponsorios con Xoán Ares de Novoa. Os Irmandiños, capitaneados por Diego de Lemos, arrasáronno no século XV. No s. XVII era conde de Maceda e señor do castelo, Alonso de Lanzós e Novoa, descendente do dirixente Irmandiño Alonso de Lanzós. Nos anos noventa do s. XX, a arruinada construción pasou ao Concello de Maceda que iniciou diversas obras de reconstrución non exentas de polémica. Está construído con perpiaño de granito. A Torre da Homenaxe é o edificio máis antigo (s. XI). Nas pedras pódense ver as marcas dos canteiros. Segundo a tradición, foi aquí onde Afonso X aprendeu o galego. Tamén se di que naceu o navegante portugués Joâo de Novoa, descubridor da illa de Ceilán.
Outeiro da Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Maceda. 
 
MANZANEDA
Castelo e Murallas da vila (Manzaneda): A muralla e a fortaleza teñen a orixe no século XII. No século XIV os seus propietarios eran os condes de Lemos. Destruídos polos Irmandiños, foron recontruídos posteriormente, pasando no século XVI aos condes de Ribadavia, manténdose no seu poder ata a desaparición dos señoríos no século XIX. Os seus vestixios aínda están presentes na súa muralla exterior cuns 400 metros de lonxitude, dos que na actualidade se conservan uns 100, e dez metros de alturas nalgúns tramos. O elemento mellor conservado é a Porta da Vila ou do Arco. Ademais desta tamén contaba coa coñecida como Porta de Abaixo da que só queda un lateral, e a Porta Falsa que desapareceu. Orixinariamente a vila estaba protexida por un foxo que levaba o nome de "cárcava" e que quedou na memoria colectiva co nome de "Cavarca". O castelo conforma outro recinto fortificado á marxe da liña da muralla, reforzándoa e tomando un aspecto máis defensivo xunto a Torre da Homenaxe. Só quedan restos da barbacá onde se ven tres troneiras de tipoloxía posterior ao século XV, algún muro así como columnas, capiteis, pedras armeiras, etc. Existen documentos que falan de que a Torre da Homenaxe foi derrubada para utilizar as súas pedras na construción do firme da estrada de Cabalar a Reigada no ano 1912. 
  
 

MASIDE 
Torre do Bolo de Senda: Nada se sabe dela, dise que estaba no Bolo (Garabás) ou nas inmediacións. 
Torre de Mundín (Garabás): Utilizada como graneiro e adega. 
Torre de Pazos: Arruinada, só se conserva a portada. (Información e foto achegada pola arqueóloga Nieves Amado Rolán).   
Torre de Santa Comba de Trevoedo (Trevoedo).
  

A MERCA
Castelo de Pelosino ou Pilosino: Citado en documentos dos anos 956, 960, 961, 997, 1011 e 1076. Parece que se atoparía no monte da Rodela, sobre os lugares de Rabal, San Paio e Faramontaos, entre as parroquais de Rabal (Celanova) e Faramontaos (A Merca).  
Monte Castrelo ou Cima de Vila (San Vitoiro da Mezquita): Nun outeiro con afloramentos graníticos, a 656 metros de altitude, lindeiro coa parroquia de San Mamede Urrós, no concello de Allariz. Datado no século X-XII. Citado como Verves e Veives en documentos dos anos 989 e 1052. Quizais tivera unha ocupación anterior xa que apareceron anacos cerámicos da Idade do Bronce (Rodríguez Cao, 1995). Na vertente do concello da Merca obsérvanse tres liñas de murallas. Atopáronse restos cerámicos. Alterado pola extracción de pedra.
Outeiro do Castro (Ponte Ermida-Zarracós): De forma elíptica, presenta unha pequena croa achandada. Cara o oeste vanse sucedendo tres plataformas a modo de terrazas. Amosa toda unha secuencia arqueolóxica de ocupación dende época castrexa ata a Baixa Idade Media. Apareceron materiais romanos e ao seu pé un asentamento de época romana, tardorromana-altomedieval e con perduración ata o século X-XII, necrópoles de cronoloxía altomedieval (sepulcros antropomorfos e de laxes fincadas), posible fortificación Baixomedieval e unha ermida, quizais altomedieval con permanencia ata finais da Baixa Idade Media que sería o derradeiro vestixio desta secuencia de poboamento.    
O Castelo ou Torre de San Pedro (A Mezquita): Existen restos dunha antiga fortificación, hoxe en día practicamente desaparecida debido a que as pedras foron reaproveitadas na casa actual que conserva un arco oxival e un escudo, e na construción da casa de Os Vilares. 
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia da Mezquita.
 
 
 

A MEZQUITA
Pazo da Mezquita (A Mezquita): Foi reconstruído, segundo unha epígrafe, no ano 1480, con reformas nos séculos XVII e XVIII que foi cando se contruíu o pórtico de acceso aos edificios de labranza. Foi propiedade da familia Cadórniga ou Casa de Láncara, Losada e Sarmiento, armas que figuran no escudo da fachada. Chama a atención as numerosas marcas de canteiro da fachada así como o arco decorado cun alfiz (hai outro alfiz encadrado nunha xanela). Crese que as súas pedras pertenceron a unha torre medieval situada non moi lonxe.

MONTERREI
Castelo de Lobarzán ou Castro das Laxes das Chás: En Vilaza. Situado a 655 metros de altitude sobre o nivel do mar no Monte das Chás, coñecido tamén como Monte do Castelo. Erixido no século IX sobre un primitivo asentamento castrexo durante o reinado de Afonso IX (1188-1230) que mesmo chegou a residir nel ocasionalmente. A fortaleza foi utilizada para a defensa do Támega, preferíndoo ao emprazamento do despois poderoso castelo de Monterrei, feito debido, probablemente, á oposición do mosteiro de Celanova, o seu propietario, a permitir no lugar calquera tipo de construción. No ano 1217, o rei entregoullo como dote ás súas fillas Sancha e Dulce. A finais do século XII os bispados de Ourense e Braga preitearon polo control dos territorios de Cabreiroá e Lobarzán. Pola documentación sábese que no ano 1292, por presión do mosteiro de Celanova, o rei Sancho IV ordenou a Pay Méndez que non volvese a molestar aos veciños dos coutos de Pazos, Verín e Mixós para traballar nunhas obras que se estaban a realizar no castelo xa que endexamais estiveran suxeitos a tales obrigas. A arqueóloga da Universidade de Vigo, Beatriz Comendador dirixirá a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxístico e etnográfico da área arqueolóxica e a súa contorna durante catro anos. Con este obxectivo, representantes da Universidade de Vigo e dos concellos de Monterrei e Oímbra asinaron o 5 de abril de 2019 un convenio de colaboración. Di Beatriz Comendador que se trata dun enclave único no Támega cunha unión de valores a protexer. Ocupado de maneira ininterrompida dende un lugar de asentamento calcolítico e da Idade do Bronce ata o castelo medieval (s. X-XV). A pesares do seu interese, o conxunto foi escasamente estudado e nunca escavado.    
Castelo de Monterrei: Séculos XII-XIII. Crese que se erixiu no lugar que ocupaba o castro de Baronceli. Pertenceu aos Ulloa, Zúñiga, Biedma, Fonseca, Acevedo e Alba. Foi mandado construír por Afonso Henriquez, neto de Afonso VI. No ano 1136 foi refuxio de Pedro I "O Cruel", no decurso da guerra civil que o enfrontou a Henrique de Trastámara. No 1506, Filipe o Fermoso reuniuse nel co Cardeal Cisneros. Aquí imprimiuse o Missale Auriense, o primeiro libro editado en Galiza, coa imprenta de tipos móbiles. O castelo consta de tres recintos amurallados. Un dos accesos presenta unha ponte levadiza. A Torre da Homenaxe, de 22 m de altura, foi construída no século XV, en tempos do primeiro conde de Monterrei, Sancho Sánchez de Ulloa; é de planta cadrada coroada cunha barbacá con oito cubos. A Torre das Damas é anterior (s. XIV), acaroada ao pazo renacentista do s. XVI. No interior acolle unha igrexa gótica dos séculos XIV e XV. Declarado como BIC. 
O día 20 de febreiro de 2014 confirmouse: segundo a directora de Paradores do Estado, co aval da Xunta de Galicia, vaise construír un parador no castelo. Dende logo chama a atención que queiran un novo parador cando a poucos metros xa hai un que, por falla de rendibilidade económica, non funciona. Ao despilfarro que supón a obra, hai que engadir que se van modificar, é dicir, alterar, as construcións medievais, ademais de impedir que o público poida acceder despois ás instalacións, se non é, claro, como cliente.    
Torre da Atalaia: Torre fortaleza construída no monte de San Salvador no ano 1664, a uns 200 metros do castelo de Monterrei. 
Fortaleza de Montecelo (Medeiros): Séculos XVI-XVIII. Formaba parte do sistema de vixiancia da "raia" que servía de apoio ao castelo de Monterrei durante o conflito con Portugal. Nalgunhas partes vense os cimentos, terrapléns e foxos, e uns baluartes en forma de lanza. Existen hipóteses que sitúan aquí un antigo asentamento castrexo e/ou romano. No ano 2008, por mor dunha denuncia de Adega, a empresa de telefonía Movistar foi obrigada a cambiar o emprazamento dunha antena que estaba a colocar a dez metros do xacemento. 
Torre de Medeiros: O Facebook de A Tribo dos Tamagani achega unha boa nova para os amantes do patrimonio de Galicia. A súa sospeita dunha posible torre baixomedieval en Medeiros viuse confirmada pola investigadora do CSIC Rebeca Blanco Rotea. Nun documento de herdanza Medeiros cítase como Medeiros da Torre. 
  



 

MUÍÑOS 
Torre: Figura declarada como BIC. Ao parecer tratábase dunha torre defensiva.
 
NOGUEIRA DE RAMUÍN
Castelo de A Buzaxe (A Buzaxe-Nogueira de Ramuín): Nun esporón do Monte Liñares, no lugar coñecido como O Castelo ou Penedo dos Mouros crese que puído acoller unha fortaleza en época medieval.
Fortaleza do Tombo ou A Torre (Gundiás-San Miguel do Campo): Vense rebaixes nas rochas e pequenas cazoletas que se fixeron para cimentar e sustentar as estruturas. 
Outeiro do Castro (Faramontaos): En O Bión. A cima explanouse o terreo que mide 35 por 30 metros. Fortaleza edificada sobre un primitivo castro.
Bouza Fría (O Covelo-Armariz); Outeiro do Castro (O Outeiro-Faramontaos); Torres da Cidá (Valdopereiro-San Miguel do Campo); Penedos do Castro (Pombar-Santo Estevo de Ribas de Sil).
Penedos do Castro: Pequeno outeiro rochoso cuxas pedras das construcións, ao parecer, foron reaproveitadas nos peches de fincas que se atopan nas inmediacións. Trátase dun castro de finais da Idade do Bronce que permanece ocupado durante a Idade do Ferro e quizais en época romana. Nas penas situadas sobre a croa vense varias pías, algunha de grandes dimensións, que semellan de factura natural. Rodríguez Colmenero descubriu aquí dúas inscrición rupestres, unha na cara interior dunha rocha onde se le "+ LEOVIGIL/DUX"  que segundo Freire Camaniel podería corresponder a un duque deste rei visigodo en torno ao 585 ou 586 que son as datas entre a conquista de Gallaecia por este rei e a súa morte.  E na outra, a uns vinte metros da anterior, figura a inscrición (---) Viripoa (---), ao parecer de época romana.  
 
 
 

OÍMBRA 
Ermida de Santa Ana (parroquia de Oímbra, case no límite coa da Granxa): A mediados do mes de agosto do ano 2022, un incencio no concello de Oímbra, que asolou un montón de hectáreas, tamén afectou á capela de Santa Ana, de afamada romaría no mes de xullo. Unha chispa, a rama dun piñero ou por outra causa prendeu no tellado, esténdedose ao interior. Crese que tivo a orixe nun eremitorio altomedieval. Nas paredes vense varios símbolos gravados, coma a representación do sol e da lúa ou a dun castelo (tres torres) que quizais represente ao que foi incendiado e destruído no ano 1641 polos portugueses; os veciños tiveron que refuxiarse na capela de Santa Ana, no monte de Soutullo. 
Castelo da Ceadá (As Chás): Documentado por Bruno Rúa. O lugar, coñecido tamén como As Laxes das Chas, estivo ocupado posiblemente entre o Calcolítico e a Idade Media. Dentro do que foi un castro, en menos de tres hectáreas, hai un mínimo de 78 petroglifos, un aliñamento de pedras, unha cova con cerámica calcolítica, tumbas paleocristiáns, restos dun do que puído ser un vello templo e dun castelo que aínda estaba en pé no século XV. Ten dúas entradas, con dous torreóns en cada unha. No interior vense varios compartimentos que une o castelo coa Ceadá. Dise que había un túnel que o comunicaba con Medeiros e por el pasaban os mouros para roubar os cabalos ou secuestrar ás mozas. 


 

OURENSE
Castelo das Caracochas ou dos Ladrós (A Granxa): Nun outeiro coñecido como O Castelo, consérvanse as ruínas dun asentamento fortificado de época medieval do que se aprecian dous recintos cuadrangulares que conservan partes dos muros de máis de tres metros de altura. Na entrada, flanqueando un camiño que posiblemente sexa o orixinal, vese un pequeno torreón. Cóntase que ata non hai moitos anos, eran visibles os restos do castelo, conservándose muros de construción, pero foron desmantelados ao cambiar de mans a propiedade. Aínda que recibe o nome de Castelo das Caracochas, popularmente coñécese como Castelo dos Ladróns, mentres que Caracochas é o topónimo que recibe a cima onde se ubica. Na zona aínda se aprecian algúns restos construtivos. En dúas rochas hai gravadas un orante e unha bela de datación indeterminada. Asociada ao castelo, atópase ao norte a Fonte do Monte, tipo mina, documentada xa dende o século XV, que está construída en cachotaría de granito; dise que beber da súa auga dá fame. Documentado por Zeta Arqueoloxía no Proyecto de interpretación urbana y acondicionamiento de la red ferroviaria de Ourense. Tramo Taboadela-Seixalbo. 
Castelo Ramiro: Séculos XIII-XV. Non se conservan restos. Fundado polo bispado de Ourense a principios do s. XIII, no lugar coñecido como Castrum Ramirum. Xa aparece documentado no ano 1201. No 1366, durante os conflitos de sucesión entre Pedro I e Enrique II (o Concello apoia ao monarca lexítimo e o bispo ponse de parte dos Trastámara), as tropas do Concello toman ao asalto o castelo, volvendo a erguerse, despois da vitoria do segundo, por orde do bispo Pascual García no ano 1382, converténdose no referente da opresión sobre a Cidade das Burgas. Xunto o castelo celebrábase unha feira ata que no 1448 o bispo Pedro de Silva ordenou que se trasladara fronte o pazo episcopal. No 1467, durante a Revolta Irmandiña, para rematar cos abusos da familia dos Díaz de Cadórniga, a xente asalta a fortaleza da catedral e derruba o castelo Ramiro. Os Reis Católicos ordenan a súa destrución definitiva no ano 1486.
Fortaleza da catedral de Ourense: Con torres, ameas e camiños de rolda. No ano 1455, baixo o reinado de Enrique IV, a cidade acóllese baixo o realengo, o que minguou o señorío que exercía o bispado que respondeu de forma violenta asasinando a varios veciños e destruíndo varias casas, provocando que a cidade asalte o pazo episcopal e as torres da catedral (López Carreira, 1995).
A Torre Vella (Tenencia de Zaín-Seixalbo): Pequeno altorelo rochoso situado a 284 metros de altitude. Non moi lonxe, pero xa nas Curuxeiras, consérvanse os topónimos de Horta da Torre e Viña da Torre, tamén A Casona da Torre.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Cabeza de Vaca. 
 
 


PADERNE DE ALLARIZ 
A Torre (A Torre-Figueiroá): Tamén coñecida como Torre Murquiz. Século XV. Moi modificada, na actualidade adícase a corte para os animais e almacén. Nun lintel distínguese un escudo moi erosionado dos Castro. Dise que na torre había un cárcere e aqueles presos que conseguían fuxir e chegar á igrexa quedaban ceibes. 
 

PADRENDA
Castelo de Bandexa ou de Zaqueiradas (Zaqueiradas-Crespos): Medieval. En ruínas. 
Castelo de Desteriz. 
O Castelo (San Pedro da Torre): Século X-XIII. Castelo roqueiro cun gran domininio visual que aproveitaba as afloracións rochosas. Tiña unha muralla e, ao menos, unha torre. 
Torre de Grixó (San Pedro da Torre): Levantada entre o 1580 e o 1660, durante as guerras con Portugal. Foi recuperada como casa de turismo. 
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Desteriz.
 

 

PARADA DE SIL 
A Fortaleza: En A Torre, parroquia de Barxacova. Consérvanse restos dunha casa coñecida como A Fortaleza, con pedra armeira do século XVI. 
O Castelo ou Gurugú (Chandrexa): Situado no entorno da igrexa de Chandrexa. Catalogado como xacemento medieval.

PEREIRO DE AGUIAR 
Castelo de Aguiar de Pedraio: Polos documentos de doazón feita por Afonso VIII á súa dona Berenguela, parece que a súa localización se atopaba na aldea de Pedraio, na parroquia de Santa Marta de Moreiras. Así o delarou Fernando III, fillo do matrimonio: "Sepedicti autem castelli donacio facta esta instanciam et beneplacitum venerabilis regine genitricis mee domne Berengarie, ad quam idem castellum iure dotalicii pertinebat". Polo tanto, xa existía, cando menos, dende o século XII. Declarada como BIC, no catálogo figura como Torre de Pereiro de Aguiar. 
Torre-Pazo da Lamela (A Lamela): Medieval. Pertenceu á casa da Pena. Edificio formado por varios corpos rectangulares unidos entre si do que destaca a torre rectangular que lle dá nome cunha interesante ventá gótica. 
 

A PEROXA 
Castelo de Fontearcada (A Peroxa): Desaparecido por construcións modernas, o Concello, naves, camiños, etc., apenas se conservan restos. Fora erixido sobre un primitivo castro. Disque había un túnel que comunicaba co castelo da Peroxa, por onde levaban os cabalos para beber ao río. . 
Castelo da Peroxa (A Peroxa Vella-A Peroxa): Século XIII. Construído nun outeiro sobre o regueiro Rial, ocupa o lugar dun antigo asentamento castrexo. De orixe descoñecida, hai autores que sitúan a primeira construción no ano 793, durante o reinado de Afonso II. Segundo a lenda, o castelo foi conquistado polos árabes, mais, grazas ao Apóstolo Santiago que chegou voando sobre o seu cabalo, reconquistouno. No ano 1370 pasou a Pedro Ruiz Sarmento, primeiro señor de Ribadavia. No século XV foi destruído polos Irmandiños. Ao longo dos séculos, os veciños da Peroxa foron vasalos dos condes de Ribadavia, Maceda, Vilamarín e do mosteiro de Sobrado dos Monxes. Na segunda década do s. XX mercouno Artemiro Fernández quen vendeu as pedras da Torre da Homenaxe e boa parte dos muros para a construción da igrexa parroquial. Construído en perpiaño granítico, ten planta poligonal reforzada por catro torreóns semicirculares. Nun dos torreóns, situado xunto á porta de entrada, ábrese unha seteira. No interior pode verse un alxibe.
 

PIÑOR
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Loeda.
 
A POBRA DE TRIVES 
Pena Folenche: Nunha gran rocha aínda se poden ver os alicerces do que puideron ser os restos dunha torre medieval. Segundo a lenda, no interior da rocha había un tesouro custodiado polos mouros; tamén que dende unha fraga próxima saltou Santiago co seu cabalo, deixando as pegadas do cuadrúpede sobre a pena. Existen algunhas covas na base que foron utilizadas como adegas. Sobre unha das penedas construíuse un depósito de auga, e apegadas ás colosais penas construíronse vivendas. 
 

PORQUEIRA
Torre da Homenaxe (A Forxa): Século XII. Xunto coas da Pena, Sandiás e Celme, a torre da Forxa foi construída para prever as posibles invasións de Afonso Henriques de Portugal. No ano 1157, o rei galego Afonso VII doouna ao bispado de Ourense. No 1387, durante as guerras de sucesión entre Pedro I "O Cruel" e Enrique II, foi ocupada polo duque de Lancaster. Asaltada polos Irmandiños no século XV, non chegaron a derrubala. Construída en cadeirado de granito, é o único vestixio que queda do desaparecido castelo que a circundaba. Ata o ano 1837 acolleu o Concello da Peroxa. Logo pasou a mans particulares, e con elo o deterioro. 
O Castelo (Paradela de Abeleda): Situado nunha plataforma rochosa con gran dominio visual. Poden verse as pegadas dos perpiaños deixados na propia rocha que acollería unha construción de planta cuadrangular. 
   

QUINTELA DE LEIRADO
Castelo de Redemuíños: Erixido sobre un primitivo castro. O blogue Á sombra do Penagache achega interesantes datos sobre esta fortaleza. No libro de Olga Gallego, Organización Administrativa e Territorial da Antiga Provincia de Ourense, fala da Terra de Santa Cruz, terra que xira arredor dun castelo que xa existía antes do 1145, cando Afonso VII o doou ao mosteiro de Celanova. Os tenentes de Santa Cruz (Redemuíños) cítanse na maior parte do Tombo de Fiaes. Pero Santa Cruz deixou de ter xurisdición propia que pasou a Milmanda, pérdendose a lembranza de Santa Cruz case por completo. O castelo está descrito no tombo de Ramirás, que o sitúa por riba do lugar de Cimadevila.
O Castelo/Serra do Castelo (As Chedas-Mociños): Castelo roqueiro situado no cumio dunha dorsal entre dous outeiros rochosos. Vense as cimentacións dunha serie de lenzos de muros que cerran contra estas masas graníticas. Obsérvanse catro recintos de planta rectangular. Nun dos lenzos apréciase un van que se pode identificar cunha porta. (Información recollida da arqueológa Nieves Amado Rolán, 2001).  

 
RAIRIZ DE VEIGA
Castelo de Celme (Congostro): Coñecido tamén como A Muralla Grande. Ano 1139. Arruinado. Construído coa finalidade de rexeitar unha invasión das tropas do rei de Portugal Afonso Henriques; pasou logo aos condes de Ribadavia. Destruído polos Irmandiños no s. XV. Foi ocupado polas tropas inglesas do duque de Lancaster, casado cunha filla de Pedro I, cando a guerra polos dereitos dinásticos da coroa de Castela. Foi recontruído por Álvaro de Oca no 1539. As últimas noticias datan do século XVIII cando xa pertencía á Casa de Monterrei. Antes houbo un castro. Apareceron restos castrexos e medievais.
Torre da Sainza (Rairiz de Veiga): Trátase dunha pequena torre cuadrangular erixida sobre unha rocha. Cóntase que se construíu pola promesa dun cura que en 1840 salvouse dun perigo en África. Xunto dela celébrase a afamada Romaría da Sainza onde se lembra a loita entre cristiáns e musulmáns.
 


RIBADAVIA
Castelo da Mota (Franqueirán): Catalogado como castro. A arqueóloga Nieves Amado Rolán opina que se trata dun castelo roqueiro medieval.
Castelo de Ribadavia: Século XI-XV. Algúns historiadores retrotraen a fundación aos primeiros anos da Reconquista. Foi ampliado durante o reinado do galego García. Outro rei galego, Afonso VII, resistiu no castelo o ataque dos partidarios de Dona Urraca. No 1375, Henrique de Trastámara concedeulle o señorío de Ribadavia a Pedro Ruiz Sarmiento. No 1467 foi derrubado polos Irmandiños, e no 1470 os veciños mataron a lanzadas á condesa de Santa Marta, viúva do conde. Pedro Madruga, o seu sobriño, atacou Ribadavia para vingala. Foi abandonado no século XVII, cando os condes fixan a súa residencia no pazo situado na Praza Maior da vila. Despois do abandono, moitas das súas pedras foron utilizadas na construción de casas. Das sete portas de acceso que tiña só se conservan tres. A porta principal, con arco de medio punto e a pedra armeira dos Sarmiento na clave, está flanqueada por dous torreóns. Tampouco quedan restos da Torre da Homenaxe nin da meirande parte das divisións interiores. Nas escavacións realizadas por Chamoso Lamas puxéronse ao descuberto vinte sepulcros antropomorfos pertencentes a unha necrópole dos séculos XI e XII. Hai anos apareceron un pozo e un alxibe.
As Torres (Francelos): Castelo roqueiro que asenta sobre un penedo granítico. Obsérvanse marcas de entalle e asento para trabes, escaleiras escavadas na rocha e coviñas. Control visual sobre a vila de Francelos e contorna. Non moi lonxe hai un lagar rupestre con dúas cruces de termo gravadas nunha rocha próxima.
 


RUBIÁ DE VALDEORRAS
O Castelo (O Castelo-O Barrio de Cascallá): Pequeno outeiro situado na aldea do Castelo.
 
SANDIÁS
Torre do Castro (O Castro-Sandiás): O desaparecido castelo foi levantado sobre un antigo asentamento castrexo na primeira metade do século XII. No 1386 foi destruído polo duque de Lancaster cando pretendía o trono de Castela. No ano 1467, cando estaba baixo o dominio dos condes de Benavente, foi arrasado polos Irmandiños. Foi posesión dos señores de Maceda, Benavente, Viana e Monterrei. Só se conserva a arruinada Torre da Homenaxe.
 

SAN AMARO
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Las.
 
SAN CIBRAO DAS VIÑAS
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Soutopendo.
 
SAN CRISTOVO DE CEA
O Castelo (O Gamoal-Oseira): Castelo roqueiro situado a 1.032 metros de altitude. 
Castelo dos Mouros ou Monteagudo (Monteagudo-Vales): Asentamento fortificado de época medieval edificado sobre un outeiro rochoso situado a 875 metros de altitude, sobre o rego Portiños.
A Torre: Topónimo. Lugar da parroquia de Castrelo.

SAN XOÁN DO RÍO
A Torrevella (A Torre Vella-San Xoán do Río): Aínda que non existen restos, parece que existiu unha torre medieval cuxas pedras se utilizaron para a construción do castelo de Castro Caldelas. 

TABOADELA
Torre de Torán: Ruínas. Século XIII-XV. A torre que se conserva formou parte dun antigo castelo. De planta rectanglar, ten 12 metros de altura. En tres dos lenzos laterais ábrense unhas troneiras; no outro sitúase a porta de acceso, con arco apuntado e tímpano dunha peza. Moitas das súas pedras foron utilizadas en vivendas modernas. Polas inmediación pasaba o camiño medieval a Castela. Asociada a lendas e mouros e túneles. 
 


A TEIXEIRA 
Casa da Torre (A Teixeira): Na parte máis alta da vila. Dise que onde estaba a coñecida como Casa da Torre houbo unha torre medieval. Vense varios muros que os veciños aseguran pertenceu á antiga fortaleza. 
Pena do Castelo (Cristosende): A 557 metros de altitude. De forma alongada, o promontorio ten unhas medias aproximadas de 87 por 35 metros. Asentamento fortificado medieval situado nun esporón rochoso no canón do río Mao. Os únicos vestixios son os rebaixes feitos na rocha. 
 
 

TOÉN
Castelo de Louredo ou Pena Goia: Entre os concellos de Barbadás e Toén. Citado como Lauretum nos anos 934 e 952. Situado sobre un pico chamado Pena Goia, non moi lonxe do castro romanizado de Louredo, na parroquia de Mugares. No século XII era de realengo e no 1133 Afonso VII entrégallo ao bispado de Ourense con todo o que alí lle pertencía (Recuero Astray et al., 1998). Pero xa con anterioridade, a parte oriental fora segregada e entregada a sé de Ourense por Afonso III cara o ano 900 (Pérez Rodríguez, 2015). No ano 1245 era "tenente castellum Velasco Fernandi de Moraiis". En 1258 era tenente da terra de Louredo Gonzalo Rodríguez. Da asociación Amigos do Patrimonio de Toén recollo que apareceron restos cerámicos prerromanos e romanos.
Torre do Olivar (A Travesiña-Puga): Situada nunha pequena atalaia, foi construída entre os séculos XV-XVI. Pertenceu a González Puga, cabaleiro que está enterrado na igrexa de San Francisco de Ourense. Non moi lonxe atópase o pazo do Olivar que, disque, foi construído con parte da torre. (Información de Óscar Franco Barros en patrimoniogalego.net).
 

TRASMIRAS 
A Torre (Abavides): Outeiro onde se emprazaba unha torre medieval que conserva restos de tres muros concéntricos e marcas de apoio de sillares. Amplo dominio visual sobre a contorna. Na actualidade o lugar está moi humanizado, na súa parte máis alta levantaron unha construción de pedra. 
O Outeiro (Escornabois): Nun outeiro próximo á capela do San Roque hai unha gran pena onde se aprecian as marcas para encaixar sillares e para apoiar os postes. Trataríase da torre de vixía dun castelo. Na actualidade está moi humanizado por vivendas modernas. 
O Outeiro do Castelo (O Castelo): Sobre un outeiro con amplo dominio visual e defensas naturais. Apareceron tégulas e ímbrices de época romana e cerámica medieval. Na ladeira oeste hai unha pía rectangular escavada na rocha onde din se lavaba a Santa. Moi preto, noutra pena, hai unha fornela onde disque naceu a Santa. Na aba NO do outeiro vense uns penedos graníticos cunha gruta cun burato chamado O Forno dos Mouros. O asentamento foi ocupado dende a Idade do Ferro, pasando por época romana, ata a Idade Media.
O Castelo: Topónimo. Lugar da parroquia de Vila de Rei. 
   

A VEIGA 
O Castelo (Castromarigo): Teño dúbidas de que se trate, tal como está catalogado, dun xacemento da Idade do Ferro. Situado sobre un promontorio rochoso a 918 metros de altitude, pode que acollera unha fortificación medieval asentada sobre unha plataforma cunhas medidas de 35 por 25 metros. 
O Castelo (Casdenodres): Asentamento defensivo de época medieval (século X-XI) situado nun pequeno outeiro a 920 metros de altitude. Vense rebaixes na rocha e o terreo presenta dous niveis. Apareceu cerámica común e un punzón de ferro. 
O Castelo (Edreira): Nun pequeno altorelo. Vense rebaixes nas pedras para asentar construcións. Terreo aterrazado en tres niveis. 
O Castelo (Meda): A 925 metros de altitude, sobre o regueiro de Barreiros, no límite coa parroquia de Prada. Posible castelo roqueiro altomedieval.
Castelo de Edreira: A 1.125 metros de altitude. Sobre un promontorio rochoso.  
Castelo da Ferrería (Riomao): A 689 metros de altitude, sobre o encoro. Asentaba sobre unha plataforma de 40 por 35 metros.   
 


VEREA
Forte do Teso ou Penafroufe (Bangueses de Abaixo).
 
VERÍN 
Murallas da vila: Durante a Guerra de Restauración Portuguesa (1640-1668), Verín convértese nun importante enclave defensivo do castelo de Monterrei e o paso dende Portugal cara a provincia de Ourense dende Chaves, defensas que tiveron a súa orixe na Baixa Idade Media. No ano 1949, Xesús Taboada Chivite daba a coñecer un baluarte que formaría parte da fortificación da vila. Taboada propón o trazado da muralla que, partindo de dito baluarte, circunscreve o que na actualidade se considera o casco histórico de Verín, anque ampliándoo polo leste, o noroeste e o lado norte. De época medieval consérvanse os restos dun torreón de planta cuadrangular, hoxe en día adicado a adega. 
Castelo de Cabreira: No mes de novembro de 2019 deuse a coñecer o descubrimento deste castelo medieval. Foi na zona do Pozo do Demo dende onde se domina todo o val de Monterrei e parte do de Laza. A descuberta presentouse o día 5 de novembro por integrantes da Universidade de Vigo e do Concello de Verín, anunciándose a realización o próximo ano dunha intervención arqueolóxica que formaría parte da rede de fortalezas do val de Monterrei. Segundo os/as arqueólogos/as, na historiografía da comarca de Monterrei o castelo de Cabreira ou Capraria conta con moi poucas citacións, sendo un gran descoñecido para a poboación da bisbarra. Con anterioridade, algúns investigadores localizaban a fortaleza na parroquia de Cabreiroá ou na acrópole de Monterrei. Un estudante da Facultade de Historia do campus de Ourense e a arqueóloga Nieves Amado Rolán implicáronse activamente na busca deste castelo concluíndo que as evidencias do castro das Quintas coincidían coas dunha fortificación medieval que non podía ser outra máis que o castelo de Cabreira. Durante as prospeccións levadas a cabo no marco do proxecto do castelo de Lobarzán, desenvolvido polo equipo da Universidade de Vigo, o arqueólogo Víctor Rodríguez Muñiz tamén confirmou a localización do castelo no Pozo do Demo. No Madoz, falando do regato das Quintas, xa menciona o topónimo Cabreira. As evidencias materiais do castelo son moi escasas, sendo visibles unicamente "encastres" dos seus muros; as defensas serían naturais. Controlaría o territorio ao norte, leste e oeste, mentres que ao sur estaría tapado e resgardado polo Monte Maior. Tanto este como o castelo de Lobarzán, en Monterrei, naceron na Alta Idade Media como "castelos rexios, o mesmo que a terra que dirixían", pasando despois a mans de Monterrei na súa etapa de poboado real como vizcondado, apuntan os investigadores. No século XV foron derruídos nas loitas polo poder en Monterrei e deixaron de figurar na documentación. En ambos enclaves hai importantes restos arqueolóxicos que falan da ocupación en épocas anteriores, dende a época prehistorica, pasando pola romana e medieval, e mesmo no contexto da Guerra da Independencia e da Guerra Civil. O proxecto de investigación, adiantou Beatriz Comendador, estaría enfocado a limpar e topografiar a zona para coñecer mellor o castelo e realizar unha prospección da contorna referida non só á parte medieval, senón ao conxunto da ocupación do enclave, destacando tanto o seu valor patrimonial histórico como paisaxístico e natural, sendo un lugar de referencia simbólica para a veciñanza da contorna. (Resumo recollido de GCiencia). 
 

 

VIANA DO BOLO
Torre de Viana: Erixida sobre un castro no século IX, como defensa contra os esporádicos ataques dos árabes, foi reedificada por Fernando II no ano 1180. A Torre da Homenaxe é o único vestixio que queda do antigo castelo. Consta de tres corpos, cunha planta cadrada de 10  po 10 metros e unha altura de 18 metros. O soto da torre, con bóveda de canón, está reforzado con arcos faxóns apuntados. Pertenceu a Pedro Osorio de Castro, o conde de Trastámara, e máis tarde Filipe II dooulla a Pedro Pimentel de Velasco, fillo do conde de Benavente. No século XV, despois da Revolta Irmandiña, tivo que ser reconstruída. Durante as guerrras carlistas do século XIX abríronse unhas seteiras para vixiancia. Foi utilizada como cárcere da vila. Acolle o Museo Etnográfico. Segundo a lenda, o Cid guerreou aquí contras os musulmáns. 
A Vila de Sen (Bembibre): Asentamento fortificado medieval que posiblemente estivo ocupado dende a Idade do Ferro. Consérvanse dúas construcións angulares que popularmente adoitan relacionarse cunha vella igrexa e un cemiterio. 
O Castelo (Mourisca): Sobre un outeiro que se ergue na penichaira entre os regueiros de San Mamede e Pontón. Atopáronse fragmentos cerámicos de época medieval. Nunhas pedras poden verse unhas gravuras con dous cruciformes e un cadrado cun punto insculpido no seu interior. 
A Escrita (Mourisca): Nunha penichaira, entre os regueiros de San Mamede e dos Balsos. Poden verse varias rochas con gravuras, unha con dous cadrados que á súa vez teñen outros catro inscritos, unidos por liñas. Noutro represéntanse outros dous cadrados con outros inscritos no seu interior pero, neste caso, sen unirse o un co outro. 
O Castelo do Estevo (Paradela): Sobre un outeiro rochoso. Crese que cumpría labores de vixiancia da fortaleza de Viana do Bolo. 
O Castrillón (Tabazoa de Umoso): Entre as aldeas de Dradelo e Tabazoa de Umoso, sobre un esporón nun meandro do río Bibei. Posible función de torre de control de paso sobre o curso do río Bibei.
 

 
VILAMARÍN
Castelo-Pazo de Vilamarín: De orixe descoñecida, sábese que o antigo castelo foi doado polo rei galego Afonso VII ao tenente do castelo de Allariz, pasando logo aos condes de Ribadavia. Despois da destrución polos Irmandiños foi convertido en Pazo polo conde de Maceda. Durante os séculos XIX e XX pasou por varias mans ata que foi mercado pola Deputación de Ourense no ano 1976 en que se comezaron as obras de restauración que remataron no ano 1987. En perfecto estado de conservación, acolle a obra do pintor ourensán Xaime Quesada. 
 

VILAR DE BARRIO
Monte Castelo: Entre as parroquias de Bóveda e Padreda. Na Idade Media houbo un castelo coñecido como Castellum Sancti Iohannis; aínda se poden apreciar os alicerces dalgún muro. Apareceron pezas cerámicas castrexas, romanas e medievais. Referencias da estatua dun guerreiro galaico desaparecido. Nalgunhas publicacións lese que eiquí apareceu o famoso Mercurio de bronce de época romana, cando foi atopado en Seiró.  Contáronme que hai anos os nenos acostumaban a xogar nas vivendas "redondas". Segundo a lenda foi construído polos mouros e baixo del agochan valiosos tesouros; disque foron furando no monte e fixeron un túnel de cinco quilómetros. Tamén hai unha peneda que ten a figura dunha muller; a rocha tróuxoa á cabeza unha dona, metade cobra e metade muller.
 

VILARDEVÓS
Castelexón ou Outeiro do Castelo: Situado nun outeiro. Preto, unha empresa portuguesa construíu un parque eólico. Trátase dun castro que puido ser utilizado como castelo en época moderna, coincidindo coas guerras con Portugal. 
Castelo da Pena ou Lomba do Castelo: Medieval. Contaba con muralla e foxo. Estragado por unha canteira e unha pista. Atopáronse tellas, moedas, fragmentos cerámicos, útiles de ferro, etc. Lindeiro co concello de Riós. 
Asentamento fortificado de Vilardevós: Situábase nunha penichaira. Totalmente destruído. 
O Outeiro (Vilar de Cervos): O outeiro, onde houbo unha explotación de estaño de época romana, recibe o nome da Garita, posible alusión a un elemento arquitectónico de observación e vixiancia militar, posiblemente dos séculos XVII e XVIII cando as guerras con Portugal. 

XINZO DE LIMIA 
Asentamento fortificado do Touzal (Mosteiro de Ribeira): No Monte Castelo. Vense varias pedras labradas, restos de muros e pedras con rebaixes, así como unha pedra cunha cruz gravada (posiblemente un sinal de término). Practicamente desaparecido, moi alterado pola extracción de pedra. 
Castelo do Outeiro do Castro (Boado): Non se conservan restos, só referencias orais. 
O Castelo ou A Torre Vella (Ganade): Situábase na parte alta do pobo. Na actualidade forma parte doutras construcións. Segundo os veciños, antigamente "había pedras escritas" e a torre tiña unha cruz no alto, que non se conservan. 
Outeiro do Castelo: Promontorio rochoso entre as parroquias de Os Blancos e Cima de Ribeira (Xinzo de Limia).   
Torre da Pena (A Pena): Século XII. Chamada tamén Torre da Portela. Xunto coas torres de Sandiás, Porqueira e Celme formaba parte das construcións erixidas para prever os intentos de invasión de Afonso Henriques de Portugal. No ano 1386, cando pertencía aos Biedma, foi conquistada polo duque de Lancaster. Logo pasou aos condes de Monterrei aos que lle disputaron a súa posesión os condes de Lemos. É de planta rectangular con tres andares, os dous últimos cubertos con bóveda de canón.
  

 



XUNQUEIRA DE AMBÍA
Torre da Pousa (A Pousa-Armariz): Medieval, pertenceu aos señores de Armariz e logo ao marqués de Bóveda de Limia. Acaroada a unha casa moderna, só se conservan os alicerces. A torre foi desfeita para facer as casas do pobo. (Información achegada por José Antonio Gavilanes).

o noso patrimonio
Castelos de Galicia (Provincia de Ourense)
Xabier Moure