* O campamento romano da Cortiña dos Mouros

O Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros atópase na serra dos Ancares, a cabalo entre as parroquias de Balboa (O Bierzo) e Vilarello (Cervantes). A parte máis elevada do monte, situada a 1.294 metros de altitude, presenta unha morfoloxía practicamente achairada, cun bo dominio visual sobre as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, actuando como divisorio de augas.

No ano 1998, Mañanes Pérez é o primeiro en situar aquí un posible asentamento, indicando a existencia dun muro, se ben non se comprobou sobre o terreo. O propio topónimo, O Circo (latín circus), que en principio denunciaría un terreo de forma circular ou semicircular nun monte, tamén podería facer alusión (ademais de a un círculo lítico prehistórico) a un circo romano pola súa forma alongada. No ano 2000, a empresa Terra Arqueos redactou unha ficha para a Carta Arqueolóxica de Balboa designándoo como "lugar de habitación indeterminado" pero consierándoo como un antigo asentamento que podería estar relacionado coas mámoas dos Forniños (Vidal Encinas, 2015). En efecto, ao sur deste posible xacemento, distante uns 550 metros, nunha paraxe de monte baixo pertencente ao Bierzo, documéntanse tres túmulos do Neolítico (o Inventario de Patrimonio da Xunta de Galicia ubica a mámoa número 1, erradamente, en territorio galego). Recentemente, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos outras dúas mámoas ao norte, xa en terras do concello de Cervantes, a uns 150 metros do asentamento.

 

Aínda que os restos sobre a superficie apenas son perceptibles, a utilización das novas tecnoloxías (fotografías aéreas, LIDAR, etc.) evidencian a existencia dun posible campamento de cronoloxía altoimperial romana. Tomando como referencia as fotos aéreas históricas, o recinto, de forma tirando a trapezoidal, tería unhas 4 hectáreas. Na actualidade só se aprecia de forma case imperceptible, debido á mesta vexetación, un parapeito ou cerco en ángulo recto (uns 160 x 85 metros) na parte do Bierzo; no lado galego as repoboacións forestais e a apertura de cortalumes e camiños arrasáronno na súa totalidade.

 

Este campamento da Cortiña dos Mouros, xunto co da Serra da Casiña, en Valverde (Balboa), gardan certa relación co trazado da vía XIX do Itinerario de Antonino a través do porto do Portelo ou cos pasos naturais existentes con anterioridade á calzada romana (Menéndez Blanco et al., 2015), en cuxas proximidades se localiza a aldea do Comeal (ou Cumial) onde se documentou un agger da vía. Entre ambos os dous campamentos hai pouco máis de seis quilómetros. Por outra parte, no extremo occidental, a uns vinte quilómetros do Campo do Circo, descubríronse no ano 2010 os campamentos romanos da Recacha (Navia de Suarna) e a Granda das Xarras (Ibias, Asturias-Candín, León) que dominaban os pasos de montaña que unen os Ancares e Ibias. Sen esquecermos do da Huerga de Frades, en Villazala.


 

As características destes sitios arqueolóxicos indican que se trata duns castra aestiva de cronoloxía altoimperial romana, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as Guerras Astur-Cántabras (29-19 a.C.). Estas construccións actuaban como base de operacións onde se acuartelaban as tropas, onde se abastecían ás que estaban no frente, lugar de retirada no caso de seren fustrigados polas forzas locais, exploración dunha zona con recursos mineiros (só no concello de Cervantes están documentadas preto de 60 explotacións auríferas), infraestrutura de apoio á construción de camiños, etc.

 

Nos meses de febreiro e marzo de 2017, integrantes do noso colectivo peiteamos a zona removida polas máquinas (cortalumes) e as gabias feitas para a plantación de piñeiros (a parte mellor conservada, a do Bierzo, está cuberta por unha densísima matogueira) na procura dalgúns restos; a busca resultou infrutuosa, se ben é certo que neste tipo de asentamentos non é doado atopalos.

 

No ano 2011, uns veciños de San Miguel de Vilarello, de avanzada idade, contáronnos que no lugar había tres fornos de pedra para facer o cal que logo se utilizou na construción do castelo de Doiras. Daquí, tamén nos dixeran, os mouros levaban o ouro para agochalo na coñecida como Pena dos Mouros, situada non moi lonxe, preto da aldea de Riamonte de Baixo.

 

Para coñecer a cronoloxía do momento de ocupación do campamento do Campo do Circo (e do resto) é preciso emprender unhas serie de prospeccións e escavacións arqueolóxicas que nos poden amosar o protagonismo que tivo a serra dos Ancares no período de conquista e dominación romana de Galicia, e unha visión distinta das coñecidas como Guerras Astur-Cántabras, denominación que cremos pouco atinada.




* Machados neolíticos e punta de lanza en Baralla

O día 12 de marzo de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a aldea de Mazaílle, en Baralla, para falar con don Guillermo Frey Lamela quen se puxo en contacto con nós para amosarnos unhas pezas de “forma curiosa” que garda na súa casa dende hai moitos anos, tantos que xa estaban en poder, ao menos, dende a época dun seu avó. Nada máis velas axiña as identificamos como dous machados de pedra puída do Neolítico, feito que nos produciu unha enorme alegría, tanto polas pezas en si como por tratarse duns exemplares pouco frecuentes na comarca dos Ancares e na mesma provincia de Lugo. Ata o presente, deste período só tiñamos documentadas nos seis concellos da comarca dúas pezas, unha en Padornelo (Cervantes) e outra en San Martín de Neira de Rei, tamén en Baralla, que demos a coñecer no mes de xuño de 2015.

 

O proceso de elaboración dun instrumento de pedra puída requiría moitas horas de traballo, primeiro había que labrar e lascar a pedra para darlle a forma desexada, continuando logo co puído da superficie frotándoa contra outras rochas. A Idade da Pedra Puída (como tamén se coñece o Neolítico) é un período en que as sociedades nómadas dos cazadores-recolectores se converten en sedentarias, en que practican a agricultura e a gandería, nacendo aquí os primeiros asentamentos estables o que propiciou o traballo da pedra puída, a cerámica e os tecidos. Foi esa técnica utilizada na confección dos instrumentos a que deu nome a este período da prehistoria en que se pasa da pedra lascada á pedra puída.  

Entre os machados puídos distínguense, fundamentalmente, dous tipos. Ao primeiro pertencerían os que presentan unha forma tirando a cuadrangular e de grande espesor. Ao segundo os que presentan unha forma xeralmente trapezoidal ou tendente a triangular, maior anchura e menor espesor, cunha sección transversal rectangular ou oval. 

 

O señor Guillermo descoñece en que sitio da aldea foron atopados, se ben cremos que é probable que proveñan da necrópole megalítica coñecida como O Queimado, a uns 600 metros de Mazaílle, onde están documentadas cinco mámoas, lugar onde a súa familia sempre traballou a terra.

O primeiro machado, de sección tirando a cuadrangular, ao que lle falta unha parte, mide 9 cm de longo, 5 cm de ancho na parte central, 4 cm na parte superior, e 5,5 cm no fío lixeiramente curvado; ten un espesor máximo de 2,5 cm e o seu peso é de 250 gramos. 

O segundo machado é de sección triangular, mide 15 cm de longo, 4,5 cm de ancho na parte central, e 4 cm no fío lixeiramente curvado; na parte superior, en punta, presenta un burato que se utilizaría para suxeitar un mango de madeira; ten un espesor máximo de 1 cm e un peso de 240 gramos. 

Ambos os dous machados están moi ben puídos. Entre todos os obxectos do Neolítico, os machados deben ser incluídos no horizonte máis antigo, período que abrangue, aproximadamente, dende o 6.000 a.C. ao 2.800 a.C. É dicir, o machado atopado en Baralla pode ter unha antigüidade de entre 6.000 e 7.000 anos. 

Polas pequenas dimensións das pezas e a boa factura, cremos que, máis que ser utilizadas para realizar algún traballo, deberon formar parte do enxoval funerario que se enterraría xunto co morto, quizais para amosar o seu status social. As pezas semellan que están realizadas nunha rocha de orixe metamórfica que non existe na zona, polo que chegarían ao lugar debido a un intercambio ou troco con outros pobos. 

Segundo os datos que manexamos, na provincia de Lugo atopáronse machados neolíticos nos concellos de Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guntín de Pallares, Lugo, Meira, Monterroso, Outeiro de Rei, Pantón, Vilalba e Xermade, exemplares que podemos ver nos museos do castro de Viladonga, Lugo e Vilalba.

 

Pero a cousa non quedou aí. Hai uns 50 anos, o señor Guillermo, cando andaba coas vacas nun castro que hai en Mazaílle, coñecido como das Croas, atopou varios anacos cerámicos e unha peza de singular importancia. Trátase dunha punta de lanza de bronce. De pequenas dimensións e partida na punta, mide 10 cm de longo, 3 cm de ancho máximo, e ten un peso de 125 gramos. Presenta forma romboidal, cunha perforación circular na base onde se introduciría o mango.

O castro onde apareceu a lanza atópase a 800 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun outeiro dominante, presenta forma ovalada, defendido en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e pedras e foxo. Hai tempo contáronnos que un home descubrira unha especie de “cuña” de ouro que vendeu en Lugo.  

Pola tipoloxía da punta de lanza, e a falta dun estudo máis pormenorizado, cremos que pode datarse no Bronce Final, cunha antigüidade mínima de 700-800 anos antes de Cristo. Por referencias recollidas noutras ocasións, tamén apareceron muíños circulares de man, algunha peza de ferro, anacos cerámicos e tégula, feito que podería levar a pensar nunha longa ocupación do sitio, como pouco dende o 800 a.C. ao século I d.C., se ben isto non deixa de ser, polo de agora, unha hipótese xa que a aparición dun só obxecto da Idade do Bronce no castro puído deberse a outros factores.  Hai algúns anos, os do noso colectivo documentamos parte dunha construción circular e unha construción cadrada coas esquinas redondeadas.

* Agresión a unha nova mámoa en Ferrol

O día 7 de marzo de 2017, o compañeiro Luis S. Seoane máis eu presentamos no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia un escrito ante o Servizo do Patrimonio Cultural na Coruña e o Concello de Ferrol denunciando unha agresión a unha mámoa de Mougá, na parroquia de Doniños (na posisión GPS que achego aparece sinalada como As Lamas 45). A agresión produciuse hai poucos días ao acondicionar o terreo para unha plantación de eucaliptos con maquinaria pesada (unha desbrozadora de cadeas), que como se aprecia nas fotos afectaron gravemente á masa tumular.

A necrópole megalítica de Mougá está formada por máis de 20 enterramentos que teñen unha antigüidade que vai do 5000 ao 2500 antes de Cristo.

No mes de febreiro de 2015 xa presentaramos unha denuncia pola agresión a outra mámoa en Mougá. Daquelas, dende o Concello puxéranse en contacto cos propietarios para que non realizaran máis plantacións sobre estes bens patrimoniais (catalogados) ao que fixeron oídos xordos xa que ao pouco tempo plantaron máis eucaliptos sobre o túmulo. No mes de abril de 2016 informamos dun novo atentado a dúas mámoas desta necrópole pola mesma causa.

Na parroquia de Doniños hai catalogadas unhas 40 mámoas, máis da metade das existentes no concello de Ferrol. Todas están catalogadas polo que gozan de protección legal (Lei do Patrimonio Cultural de Galicia do mes de maio de 2016). Para calquera tipo de actuación sobre os túmulos, e nas súas inmediacións, hai que solicitar o correspondente permiso á Dirección Xeral do Patrimonio.

Segundo o artigo 3 da citada Lei, os concellos teñen a obriga de protexer estes bens do patrimonio cultural, debendo adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares para salvagardalas, debendo comunicar á Xunta de Galicia calquera ameaza, perturbación ou dano que sufran.

Posición GPS: http://www.openstreetmap.org/#map=19/43.50288/-8.28741

* O Marco da Gándara (Sober)

O Marco da Gándara atópase a uns 400 metros á dereita da estrada local que vai dende a cabeceira parroquial de Neiras ata a estrada comarcal CP-3201 que comunica Sober con Monforte de Lemos, a carón dun vello camiño que discorre entre prados e monte baixo.

 

Trátase dunha pedra de granito de forma prismática cunha altura á vista de pouco máis dun metro e un ancho na base duns 65 centímetros. Na cara sur ten gravado un símbolo en forma de zigue-zague seguido dunha pequena coviña; na parte oposta outro símbolo de difícil interpretación e outra coviña situada por riba. Na cara oeste vese unha cruz latina duns 20 por 10 centímetros nos brazos, e na leste outra cruz latina duns 15 por 7 centímetros.

 

Díxonos un veciño que antigamente actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Neiras e Refoxo, polo que o zigue-zague podería ser interpretado como un "N invertido e o outro símbolo a letra "r" minúscula.

 

As cruces son bastante comúns nos marcos de término, mais estas, segundo o noso informante, están asociadas a unha vella historia. Remarcou que se estaban gravadas en caras opostas non era cousa do azar, pola contra, fixérase así de forma premeditada. Un xove pegureiro que acostumaba levar o gando para os montes da Gándara auxiliou un bo día a unha fermosa rapaza que caera do cabalo. A partir de entón víanse con frecuencia. E namoráronse. O conde de Lemos, tío da moza, cominouna a que abandonara ao pastor, mais esta negouse e continuaron véndose. O señor feudal, enfurecido, mandou a uns soldados para que mataran ao ousado pegureiro. Cando os soldados chegaron á Gándara atoparon á parella e desenvaiñaron as espadas para acabar co mozo, mais a rapaza púxose diante do seu amado para protexelo e tamén resultou ferida de morte. Entón, o conde ordenou enterrar no mesmo sitio aos amantes. Para que non se puideran ver nin tocar despois de mortos, un corpo foi enterrado mirando cara o leste e o outro cara o oeste, e no medio de ambos o fito que podemos ver hoxe en día.

 

Pola lenda, podemos situar a orixe do marco nalgún momento da Idade Media. Pero hai un par de detalles, ademais da forma da pedra, que nos chaman a atención: son as dúas pequenas coviñas semiesféricas gravadas nas caras norte e sur. Pode tratarse dunha pedrafita prehistórica logo reutilizada?